Publicado por: vixia | 11 Xuño 2009

Os CIS ven de participar en Visio 2009

Os pasados 4 e 5 de xuño ven de celebrarse en Vitoria-Gasteiz a terceira edición da conferencia VISIO. No encontro de carácter internacional déronse cita arredor de 200 profesionais e organizacións para compartir e debatir sobre aspectos relacionados coa Vixilancia Tecnolóxica e a Intelixencia Competitiva (VT/IC).

Nas sesións plenarias abordáronse temas de gran interese para os asistentes como a visión holística da VT/IC ou o futuro a través da prospectiva que foron presentados por expertos de alto nivel, como Pierre Bourgogne, experto en política rexional de innovación e en sistemas rexionais de Intelixencia Estratéxica, ou Juanjo Gabiña que desenvolve un papel activo na divulgación de métodos de análise prospectivos a escala local e internacional.

Nas sesións paralelas, empresas como Euskatel ou Iberdrola e institucións como AENOR ou a OEPM , trasladaron a súa experiencia na utilización e implantación de sistemas de VT/IC.

O CIS, representado pola responsable da Unidade de Vixilancia e Transferencia Tecnolóxica, Rosa Freire, participou de forma activa na organización e desenvolvemento da Conferencia como membro do comité de expertos para a selección de ponencias e a través da secretaría da sesión adicada ao futuro dos profesionais do sector.

Dende este espazo queremos facer chegar a nosa máis sinceira felicitación aos organizadores e demais responsables desta iniciativa, non só polo trato e a marabillosa acollida que o País Vasco sempre dispensa aos seus invitados, senón e sobre todo pola calidade dos contidos e polo acerto de celebrar un evento desta categoría, a todas luces tan necesario para o sector público, institucional e empresarial de España.

Comments are closed.

Categories